Rosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdade (1837-1863)
Neste primeiro volume da biografía de Rosalía de Castro nárranse as súas orixes familiares e os seus anos de mocidade. María Xesús Lama, profesora de estudos galegos na Universidade de Barcelona e editora de Cantares gallegos, pescuda con rigor e admiración, con obxectividade non exenta de paixón, na vida da poeta en Galicia e Madrid nun tempo de ideais e de aprendizaxe para a mocidade que na segunda metade do século XIX decide intentar vivir da pluma. A autora aproveita as últimas descubertas da investigación filolóxica e histórica para afondar nas viraxes inesperadas que obrigan a poeta a regresar a Compostela coa carga dunha responsabilidades familiares que lle fan reconsiderar a orientación da súa vida.
Esta obra recibiu unha axuda á edición do Ministerio de Educación, Cultura y Deporte.
Premio Fervenzas Literarias 2017 ao Mellor Ensaio do ano.
Características
- Páxinas:380
- Deseño: cartoné
- Dimensións: 150 x 215
- Data de publicación: 08/03/2017
- Colección: Grandes Biografías
María Xesús Lama
Nena curiosa que xoga no eixido dunha casa de vila, adolescente inqueda con soños de artista, rapaza atrevida disposta a construír unha vida independente, lectora febril que ferve de ideas revolucionarias, escritora consciente do seu talento disposta a sair á praza pública...
Onde conseguir esta proposta
Á venda en librarías e no web da editorial.