Costuras
Guadi Galego asina o seu quinto disco en solitario. A autora, galardoada no 2019 co Premio á Promoción da Realidade Plurilingüe polo seu anterior traballo, Immersion, confirma o momento creativo en que se atopa e reafirma o seu xeito de dicir.
Dez cancións de Guadi Galego e Carlos Abal que viaxan desde mundos asociados á súa infancia ata o presente máis duro e á vez esperanzador, onde a autora se amosa tal como é.
O disco inclúe tres colaboracións: dúas poetas, Antía Otero e Marina Oural, e unha cantante, a catalá Paula Grande.
A produción musical, a cargo de Olivera Estudi, dá un novo aspecto ás creacións de Guadi, entrando en campos electrónicos, sen esquecer a parte máis orgánica, creando texturas únicas dentro do pop.
Costuras publícase nunha fermosa e orixinal caixa, a portada contén unha obra do pintor Ricardo de Barreiro que cada persoa descobre rascando a superficie gris. Un xogo que invita o comprador do álbum a crear a súa propia versión da portada.
TEMAS:
- Costuras
- Canción popular
- Velutinas
- O que ha shegar (con Paula Grande)
- Cólico
- Liberdade ambigua
- Zocos
- Creo
- Mesta néboa
- Só con amor
Vídeo de "Cólico"
Vídeo de "Costuras"
Onde conseguir esta proposta
Á venda en tendas de discos e nalgunhas librarías. Tamén no web de Inquedanzas Sonoras.