Pippi Mediaslongas nos Mares do Sur
A xente da vila puxera carteis visibles e ben colocados para os visitantes que quixesen ver os lugares turísticos. Nun cartel dicía «Ao museo local» con letras grandes e unha frecha cara abaixo. Outro cartel dicía «Ao túmulo prehistórico». Pero había un terceiro cartel. E nel dicía: «A Vilapenela»…
Pippi Mediaslongas ten a capacidade de converter nunha aventura abraiante calquera cousa que faga. Nesta ocasión, canda os seus inseparables Tommy e Annika, Pippi viaxará co seu pai, Efraim Mediaslongas, á illa de Korakora, onde o capitán é un poderoso rei.
«Pippi Mediaslongas nos Mares do Sur» publicouse orixinalmente en 1948 como colofón da triloxía formada por «Pippi Mediaslongas» (1945) e «Pippi Mediaslongas embarca» (1946). A recuperación deste clásico, coas ilustracións orixinais e restauradas de Ingrid Vang Nyman, permite seguir gozando das extravagancias desta figura icónica da literatura contemporánea: rebelde, transgresora e desclasada, simpática, independente e extrovertida, Pippi rompe estereotipos e actúa de forma contestataria fronte aos maiores. Moitos adultos -ben no ámbito da literatura, ben da educación- escandalizáronse polos xestos e comentarios do personaxe e tildárono de mal exemplo para a infancia. Sen embargo, o éxito da obra literaria foi imparable, dando lugar a unha serie na televisión sueca e varias películas.
Tradución de David Álvarez Martínez
Onde conseguir esta proposta
Á venda en librarías ou na tenda en liña da editorial.