Kalandraka
Co lema "Libros para soñar", KALANDRAKA presentouse un 2 de abril -Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil- de 1998.
O obxectivo era publicar obras da mellor calidade estética e literaria en galego para contribuír á normalización lingüística do noso país. Dende Galicia, KALANDRAKA abriu o seu catálogo a outras falas, ata converterse nun proxecto plurilingüe que publica en galego, castelán, catalán, éuscaro, portugués, italiano e inglés.
Na actualidade, KALANDRAKA conta con selos propios en Portugal, Italia e México. Álbums ilustrados de creación propia, adaptacións de contos tradicionais, recuperación de clásicos da LIX de todos os tempos, libros para prelectores, para nenos e nenas con necesidades de apoio educativo, libros de ficción, libro-discos, poesía e arte, son as principais liñas de traballo que conforman un catálogo vivo e diverso.
Coa suma do selo FAKTORÍA K DE LIBROS, o abano de lecturas amplíase á literatura para adultos, a divulgación científica e as publicacións singulares.
Froito do esforzo colectivo, a traxectoria de KALANDRAKA acadou numerosos recoñecementos: dende o 1º Premio Nacional de Ilustración 1999 outorgado a "O coelliño branco" (Óscar Villán) ata o Premio Nacional ao Mellor Labor Editorial Cultural 2012.
Do compromiso de KALANDRAKA coa multiculturalidade, coa educación en igualdade, coa tolerancia e co respecto ao medio; da aposta pola animación á lectura como estratexia para estimular a imaxinación e a curiosidade dos máis pequenos; do apoio aos creadores a través da convocatoria do Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado e do Premio Internacional Cidade de Orihuela de Poesía para Nenos, nace o estímulo para continuar facendo libros que seduzan, conmovan, divirtan e perduren no tempo.
Recibiu tamén en 2013 o Premio Xoán Manuel Pintos, que convocan o Concello de Pontevedra e a Rede de Entidades Amigas da Lingua, como recoñecemento á súa traxectoria na defensa e o prestixio da lingua galega.
Produtos de Kalandraka
Extra!
Paco Nogueiras
Kalandraka
A actualidade convértese en melodía e canción neste xornal musical
PVP rec. 20,00 €
Plasticus maritimus
Ana Pêgo // Isabel Minhós Martins
Kalandraka
Unha especie invasora
PVP rec. 18,00 €