Buscador de agasallos

Busca por prezo, idade e tipo de proposta

Pechar

0 €
+200 €


0 anos
+18 anos


Produto

Inicio » Como participar
Difundir o artigo en Cabozo

Como participar


Agasallo.eu. Para que se coñeza o que existe na nosa lingua!

Creas, fas ou elaboras produtos ou ofreces servizos en galego? Entón seguramente che interese visibilizalos e propolos nesta plataforma.  

Bótalle un ollo a esta información, que seguro que che ha interesar! ;-)

Que propostas pode haber en Agasallo.eu?

En Agasallo.eu teñen cabida todos os produtos que sexan agasallables e que estean en galego, que o contido lingüístico que teñan sexa en lingua galega.

Por exemplo: libros, discos ou dvd en galego; produtos alimentarios que estean etiquetados en lingua galega; aparellos electrónicos ou teléfonos que teñan a opción de ter os seus menús en galego; xogos ou xoguetes en lingua galega; camisolas ou outros produtos téxtiles que teñan contido lingüístico en galego; produtos de complementos, cerámica, artesanía, vestimenta, etc., que sexan elaborados e distribuídos por empresas ou entidades que teñen o galego como lingua de uso normal; servizos que sexan ofrecidos en galego e por empresas que usan a lingua galega na súa comunicación (hostalaría, experiencias, saúde, etc.); etc.

Que empresas poden colaborar e ter as súas propostas en Agasallo.eu?

Poden darse de alta en Agasallo.eu e, polo tanto, publicar e difundir os seus produtos, as empresas ou entidades que os elaboran, que os producen ou, en caso de servizos, que os ofrecen. En definitiva, a empresa ou entidade responsable de determinado produto ou servizo.

Por exemplo, un libro debe ser subido aquí pola súa editorial, non por unha libraría. Un viño debe ser publicado aquí pola súa adega, non por un bar ou por unha distribuidora de viños. O mesmo cos discos, as camisolas, os dvds, os aparellos electrónicos, etc.

Mais, unha libraría, un restaurante ou unha tenda que usa con normalidade o galego, pode, por exemplo, crear un bono agasallo, un lote ou pack especial ou un produto, servizo ou experiencia singular para ter presenza aquí, mais non publicar directamente os produtos cuxa responsabilidade son doutra empresa.

Vale, e como fago para participar?

O que nos interesa é difundir as propostas de agasallo en galego, dalas a coñecer, facer que a xente saiba delas e, así, que as poida elixir. Vaia!, a nosa única pretensión é dar a coñecer todas esas propostas que usan a lingua galega.

Por iso, agora a participación en Agasallo.eu é de balde. Antes tiñamos establecidas unha tarifas ben baixiñas, pero preferimos facelo directamente de balde, para así facilitar máis a visibilización da creatividade galega. O único que pedimos a cambio é contribuír á difusión da plataforma.

Deste xeito, se estás interesad@ en visibilizar propostas en Agasallo.eu, contacta con nós en info@agasallo.eu e explicámosche como facer.

Algunhas condicións para a publicación de propostas

As propostas que se suban deben cumprir as condicións da plataforma e deben contar con toda a información solicitada. Desde a xestión da plataforma revisaranse as propostas publicadas e, en caso dalgún erro ou produto ou servizo que non cumpra as condicións, comunicarase coa empresa ou entidade correspondente para a súa revisión ou, de ser o caso, retirada, que se poderá facer directamente desde a xestión da plataforma.